|
Nace LCA, Laboratorio de Colaboración Artística. |
LCA, Laboratorio de Colaboración Artística (asociación cultural sen ánimo de lucro, Nº 2008/012429-1 (SC) está integrada por creadores e profesionais do ámbito cultural galego e ademáis de xestionar o Roteiro de Creación, nace como plataforma para realizar, promover e apoiar a actividade artística durante todo o ano. Pretende impulsar o diálogo, a cooperación, a formación e o intercambio de experiencias entre productores visuais, críticos ou espazos de creación contemporánea, tanto a nivel nacional como internacional. O Roteiro de Creación, é unha cita anual que permite aos cidadáns transitar polos talleres de artistas, espazos expositivos e demais lugares de difusión das artes en Santiago de Compostela, e celebrará a súa terceira edición na primeira quincena de xuño. Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2009 O próximo 27 de marzo, ás 21.00 h, celebrarase a Festa de Presentación de LCA, Laboratorio de Colaboración Artística. A presentación en sociedade terá lugar na súa sede, Rúa Ulla, 25 baixo, (esquina Joana Nogueira) no barrio de Pontepedriña. LCA quere comezar a súa andaina compartindo esta nova plataforma de producción e difusión, convidando a artistas e publico en xeral a participar nesta festa, na que haberá música, unha performance e un sorteo de obra doada por algúns dos seus membros, na que participarán todos os asistentes. A idea e brindar xuntos e festexar esta nova iniciativa. Máis alá das vantaxes de asociarse e fins sociais que figuran nos estatutos (que poden descargarse) LCA propón outros ‘modos’ de participación, como: impulsar a circulación de obra xestionando o intercambio entre os asociados, os descontos en tendas de materiais artísticos, a promoción de cursos gratuítos entre os seus membros, a xestión de encontros periódicos para intercambio de experiencias técnicas, ou o establecimento de contactos con responsables de espazos expositivos (dentro e fóra de Compostela) a fin de promover a exposición e itinerancia de obra ou residencias para produción. Nese senso se teñen realizados bos contactos cos responsables do ‘Parcours d’Artistes’ de Bruxelas e se está a traballar en pos de logralos en París. LCA proxecta ademáis o Troc-Temps (troco de tempo). Haberá un tablón de anuncios no que cada asociado exporá en forma sinxela a súa oferta e a súa demanda. LCA encargarase da súa actualización e propiciará o vínculo para establecer as correspondencias necesarias para facer efectivo o troco. Os interesados serán os encargados de concretar os detalles do intercambio de forma persoal. Para participar é preciso enviar as ofertas e demandas acompañadas dos datos de contacto. Entre os servizos poden incluírse “Servizos e/ou Tempos”, o tablón irase configurando de acordo ás necesidades e imaxinación dos participantes. Máis que facerlle fronte á tan mediatizada crise, a idea é “darlle as costas” e non depender soamente do diñeiro, nin das posibilidades de recoñecemento institucional ou dos galeristas, para que a obra flúa, que circule e exista máis alá dos muros dos obradoiros.
|
|